Localizan un condutor de 47 anos como autor do atropelo dunha rapaza de 13 en Vilaboa
Por Redacción
O 31 de outubro, nunha estrada que une as poboacións de Riomaior e Garduña, no municipio de Vilaboa, unha nena de 13 anos era atropelada sufrindo feridas leves. O condutor do turismo, un Opel Corsa, que a atropelara dérase á fuga.
A partir dese momento o servizo de investigación do Grupo de Investigación e Análise de Tráfico (G.I.A.T.) comprobaba que a causa do atropelo atopábase nunha manobra temeraria realizada pola persoa que conducía o turismo ao atoparse cun grupo de vinte menores, que camiñaban pola vía. Os outros escolares lograran evitar o impacto apartándose rapidamente da estrada.
Este venres, localizábase ao condutor que responde as iniciais VMM, de 47 anos de idade e veciño de Vilaboa a quen se lle atribúe un delito contra a seguridade viaria por conducir de forma temeraria. As dilixencias tramítanse no xulgado de Cangas do Morrazo.
ATROPELO EN MARÍN
Este sábado unha persoa resultaba ferida, segundo a información facilitada polo Servizo de Emerxencias do 112, ao ser atropelada por un turismo en Marín. O suceso producíase na Praza de España. Un particular alertaba ao 112 Galicia ás 11.00 horas para trasladar información do atropelo.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia avisábase ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, aos Bombeiros do Morrazo e a Protección Civil.