Bueu celebrará a vindeira fin de semana as festas patronais de San Martiño
Por Oskar Viéitez
O municipio de Bueu acollerá a vindeira fin de semana as festas patronais na honra de San Martiño. Os festexos celébranse do 10 ao 12 de novembro e combinan a verbena co deporte e as actividades populares, cunha programación que será asumida polo Concello de Bueu, quen por segundo ano consecutivo toma as rendas desta festa popular coa colaboración da Asociación Bueu en Festas e da Deputación de Pontevedra.
O venres, ás 17.00 horas, celebrarase o magosto organizado polas ANPA dos colexios A Pedra, Virxe Milagrosa e Montemogos de Beluso. Pola noite, a partir das nove e media, a verbena estará amenizada polas orquestras Principal e D’Moda.
O sábado, a Banda de Música Artística de Bueu ofrecerá un pasarrúas pola mañá, e pola noite (a partir das 21 horas) as orquestras Brujas e Fania Blanco Show porán a música.
E xa o domingo, o pasarrúas será a cargo da Charanga Imperiais e no adro da igrexa actuará a agrupación Recordos da Nosa Terra. A partir das 19.30, Jerusalén e Distrito 7 pecharán a festa.
A verbena se celebrará nos Xardíns de Urbano Lugrís (Campo da Estacada) e as atraccións estarán dispoñibles no porto.
Tamén, entre o 11 e o 12 de novembro, poderase visitar no adro pequeno da igrexa, a XVIII Mostra de Fotos Antigas que como cada ano selecciona a Asociación Cultural Santos Reis.
Os festexos tamén terán unha parte deportiva coa celebración da XXII Carreira Pedestre San Martiño, que terá lugar o 12 de novembro.