Piden a dimisión do alcalde da Lama tras "rebentarlle na cara" o servizo de axuda no fogar
Por Oskar Viéitez
O portavoz do grupo socialista na Lama, Enrique Vaqueiro, pediu a dimisión inmediata do alcalde da Lama pola "pésima xestión" do servizo de axuda a domicilio, "pois a empresa con embargos múltiples deixou de prestar o servizo do que dependen moitas traballadoras do Concello e un bo número de veciños".
"Cando se convocou o concurso dixémolo claramente, que o prezo era moi baixo e que a empresa tiña moitas dúbidas de funcionamento. Daquela non se nos fixo caso, o alcalde adxudicou o servizo e hoxe rebéntalle na cara. Que conserve o seu posto de deputado e deixe o cargo de alcalde. Xa estivo ben de tanto dano patrimonial ao concello", afirmou Vaqueiro.
O servizo de axuda a domicilio foi adxudicado con 9,5 euros a hora, nun concurso no que só se presentaron dúas empresas, sendo unha delas descartada por non cumprir coa documentación necesaria. Naquel pleno o grupo socialista pediu sen éxito un novo concurso, sendo adxudicado o servizo á empresa que quedou en segundo lugar.
Entón o PSOE sinalou que esta empresa acumulaba "serias irregularidades" como a inexistencia dun cadro de persoal ou un sistema de traballo así como a presenza de "múltiples denuncias na Xunta" por deficiencias na prestación do servizo.
"Moita tensión tivemos naquel pleno, e agora estamos así. Esiximos un novo concurso público e aberto, no que se poña un prezo xusto de hora paga e a saída inmediata do alcalde do concello. Está a afundir as arcas públicas do concello", rematou Vaqueiro.