O río Lérez e a ría de Pontevedra, en alerta pola seca
Por Alejandro Espiño
As choivas rexistradas nas últimas horas non terán, segundo os expertos, unha incidencia "significativa" á hora de paliar os efectos da seca que sofre Galicia. Tanto é así que a Oficina Técnica da Seca, reunida este venres en Santiago, propón declarar a situación de alerta no sistema de explotación do río Lérez e da ría de Pontevedra.
O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, explicou que despois de analizar o comportamento de ambas as zonas durante todo o mes de outubro os técnicos determinan que o baixo caudal circulante obriga a cambiar a situación de prealerta a alerta.
Esta decisión trasladarase ao comité permanente do consello reitor deste organismo e convocarase unha reunión de coordinación con todos os concellos que se abastecen deste sistema, que son os de Pontevedra, Marín, Bueu, Poio, Sanxenxo, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e Forcarei.
A intención deste encontro será coñecer directamente da man dos municipios afectados os datos relativos ao volume de auga que están a captar, información sobre os usos da auga ou as súas necesidades, de forma que se poida facer unha avaliación conxunta e propoñer as medidas necesarias.
Na reunión tamén se analizou os indicadores meteorolóxicos e hidrolóxicos relativos ao mes de outubro, que indican que foi o cuarto máis seco da serie histórica, da que se conclúe que a situación non mellorou e os sistemas presentan unha tendencia á baixa.
Esta situación de alerta mantense en outros seis sistemas de toda Galicia.
O director de Augas de Galicia reiterou a necesidade de facer un uso responsable da auga, porque Galicia rexistrou un ano hidrolóxico cun 30% menos de choiva, e que un mes de novembro con precipitacións normais non vai a mellorar substancialmente a situación, aínda que si suporá un cambio de tendencia.
"Non se trata tanto de dicir cantos litros ten que chover, senón que é tan importante como chova e onde chova", explicou o director de Augas, que aclarou que son necesarias precipitacións continuas e constantes para que se produza a recarga.
Sinalou que os embalses galegos son moi receptivos á chuvia directa, pero os ríos necesitarán previamente que se filtre esa chuvia, xa que o terreo está moi seco e debe recuperar os niveis de humidade habituais. A partir dos prognósticos de Meteogalicia, a Xunta agarda que ao longo dos meses de novembro e decembro se normalice a situación e xeito progresivo.
Relacionadas:
-
Augas de Galicia obrigará a Ence a consumir a metade de auga pola seca
Por Redacción |
-
Augas de Galicia convoca os concellos do Lérez tras activar a alerta pola seca
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello, a Augas de Galicia: se se actúa sobre ENCE "non habería ningún problema coa seca"
Por Alejandro Espiño |
-
Piden un consumo "responsable" de auga ante a "mala" situación do río Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello pedirá á Xunta que tome medidas para obrigar a ENCE a reducir o consumo de auga ante a seca
Por Natalia Puga |
-
A oficina técnica da seca acordou facer un especial seguimento á bacía do Lérez
Por Oskar Viéitez |