Interveñen 3.860 quilos de ameixa xapónica en Vilaboa, a maioría de talla antirregulamentaria
Por Redacción
O Servizo de Gardacostas de Galicia e a Garda Civil comisaron este xoves 3.860 quilos de ameixa xapónica nun control realizado por estrada no Concello de Vilaboa, a maioría de talla antirregulamentaria.
Segundo informou a Consellería do Mar, os axentes inspeccionaron unha furgoneta e comprobaron transportaba a mercadoría sen a documentación correspondente que amparase a súa legalidade. No control os inspectores tamén incautaron a furgoneta.
Este operativo enmárcase nos controis que efectúa o Servizo de Gardacostas no eido da comercialización e transporte nas estradas de Galicia, que se suma aos controis da baixamar nas praias para evitar a extracción e comercialización ilegal de produtos pesqueiros.