VÍDEO.- Veciños de Monte Porreiro protestan contra a instalación de composteiros preto dun parque infantil
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un grupo de residentes da urbanización de Monte Porreiro mostraron na tarde deste xoves a súa oposición ao proxecto do Concello de Pontevedra de instalar dous novos composteiros nas proximidades do parque infantil situado na Praza de Europa.
Os veciños rexeitan que se instalen estes colectores de materia orgánica nunha zona que é utilizada como espazo de lecer por numerosos nenos da contorna. Temen que a zona se converta nun foco de infección e denuncian que xa viron e gravaron imaxes de ratas que campan ás súas anchas nas proximidades doutros composteiros instalados durante os últimos meses en distintos puntos de Monte Porreiro.
Os manifestantes sinalan que o goberno local prometéralles mellorar as instalacións e engadir novas zonas de xogos na contorna do parque infantil da Praza de Europa. Con todo, nos últimos días levaron a sorpresa de que se queren instalar colectores para que os veciños depositen os restos de comida dentro do plan que o Concello está a acometer para o tratamento de residuos.
Durante a concentración, algúns asistentes enfrontáronse verbalmente co presidente da asociación de veciños O Mirador, Carlos Diéguez, a quen tamén responsabilizan desta obra ao apoiar a decisión do goberno local.
Segundo a información facilitada polos veciños, na mañá deste venres volveron concentrarse evitando que os operarios continuaran cos traballos de instalación dos colectores de compost. O goberno local, a través do concelleiro Demetrio Gómez, indicaba que non tiñan constancia de que a veciñanza tivera paralizado as obras.
VISIÓN DO GOBERNO LOCAL
En todo caso, o concelleiro manifestou que a xestión dos composteiros en Monte Porreiro está a ser exemplar ata o momento. Entende que os temores dos veciños que carecen de suficiente información están xustificados pero manifestou que están en contacto coa asociación de veciños e que darán toda a información necesaria. Admitiu que se en algo non hai acordo estarán dispostos a corrixilo.
Insistiu en que os composteiros comunitarios non cheiran e están preparados para evitar as moscas. Explicou que estudarán se hai a posibilidade de situalos noutra zona, malia que negou que os colectores vaian situarse xunto ao parque infantil.
Manifesta que hai composteiros fronte ao supermercado e non houbo queixas. "Que a xente non teña medo. Seguro que con máis información se resolven eses medos", asegurou Demetrio Gómez.
Relacionadas:
-
Profesores de Monte Porreiro recollen sinaturas en defensa da compostaxe
Por Redacción |
-
O PP local reúnese coa recén formada comisión de veciños de Monte Porreiro
Por Oskar Viéitez |
-
Unha comisión supervisará a instalación de composteiros comunitarios en Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Paralizan o despregue da compostaxe en Monte Porreiro ante a división veciñal
Por Alejandro Espiño |
-
Veciños de Monte Porreiro piden no pleno que se cambie a situación dos composteiros
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pide ao goberno local que atenda as queixas dos veciños de Monte Porreiro sobre os composteiros
Por Redacción |
-
240.000 euros para os centros de compostaxe comunitaria de Monte Porreiro e Campolongo
Por Redacción |
-
Os composteiros de Monte Porreiro e Campolongo atenderán a máis de 8.000 veciños
Por Redacción |
-
Monte Porreiro e Campolongo, primeiras áreas urbanas en completar o sistema de compostaxe
Por Alejandro Espiño |