O PP pide unha asemblea aberta para expoñer aos veciños o proxecto de humanización da Caeira
Por Redacción
Na comisión municipal de urbanismo deste martes, o PP solicitou ao concello a celebración dunha asemblea aberta cos veciños da Caeira para expoñerlles e consultarlles o proxecto de humanización das rúas José Pernas Peña, Mato Calderón e a praza de Riestra.
A edil popular Rocío Cochón recordou que o apoio do PP ao proxecto, debatido no pleno de setembro, quedou supeditado a que se informase e consultase aos veciños.
Para os populares non son "dabondo" os contactos mantidos polo goberno local cos veciños nin que o proxecto estivese no taboleiro no periodo estipulado de exposición pública. "Se só fan iso a maioría dos afectados non se van enterar da actuación. Non é suficiente falar con algún residente ou poñelo no taboleiro, o lóxico é facer unha asemblea aberta con todos os veciños que queiran asistir".
"Nun proxecto coma este non se pode andar ás agachadas como fai sempre este goberno en temas urbanísticos", rematou Cochón.