A área recreativa da Soldada, en perfecto estado de revista
Por Redacción
Operarios municipais veñen de rematar os traballos de poda, limpeza e acondicionamento integral da área recreativa da Soldada, unha das máis emblemáticas e utilizadas de Cerdedo-Cotobade.
A área atópase xusto na entrada ao termo municipal pola estrada PO-233 procedente de Pontevedra.
Estas tarefas foron desenvolvidas pola brigada municipal de obras e consistiron no corte global das pólas dos plátanos que conforman unha das masas boscosas deste espazo, que tamén conta cunha zona de carballos na contorna da fonte e o miradoiro.
O obxectivo deste traballos pasan por coidar e preservar estas árbores nas mellores condicións e que luzan en plenitude desde os meses de primavera, que será cando volvan a recuperar o seu aspecto habitual.
Esta iniciativa enmárcase no plan de conservación e mellora dos espazos exteriores de lecer, impulsado polo goberno local e que leva desenvolvéndose durante as derradeiras semanas e que se centrou tamén en accións de conservación dos valados destas áreas recreativas para que resistan a adversa climatoloxía do inverno.