Piden unha senda ciclo-peonil na N-550 bordeando a fábrica de Pontesa
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Representantes dunha decena de colectivos da contorna de Pontevedra, Vilaboa e Soutomaior reclaman unha mellora da seguridade viaria na Nacional 550 entre Pontevedra e Vigo no seu tramo pola parroquia de Ponte Sampaio, á altura da fábrica de Pontesa. Indican que actualmente os peóns ven obrigados a camiñar pola beiravía e alertan de que xa se rexistraron varios accidentes.
Por este motivo, levan varios anos solicitando ao ministerio de Fomento a creación dunha senda ciclo-peonil aproveitando o espazo situado nos laterais da nave de Pontesa.
Alberto Agulla, portavoz da Asociación Salinas do Ulló, con outros representantes veciñais mantiña un encontro coa subdelegada do Goberno, Ana Ortiz, para trasladarlle a súa petición á espera de que interceda por esta demanda ante o Ministerio de Fomento. O portavoz veciñal explicaba que se trata dunha senda de algo máis de 600 metros e na que non é necesario expropiar. Os promotores xa contactaron co propietario da nave de Pontesa, que estaría disposto a ceder espazo para que se acometa esta obra.
Os veciños entenden que se podería crear unha senda litoral de formigón ou xabre compactado e mesmo aceptarían a construción dunha beirarrúa, que permita aos peóns camiñar por esa zona sen perigo de ser atropelados. Agulla afirmaba que este proxecto permitiría conectar co tramo de vía verde, que diferentes colectivos propoñen crear no futuro.
Ademais, uniríase ao Paseo das Salinas do Ulló en Vilaboa, que tras a última ampliación chega ata a antiga fábrica de vaixelas de porcelana, a través do paseo de Arcade e Ponte Sampaio. Con esta obra que demandan, o paseo litoral estenderíase ao longo de 5 quilómetros de senda peonil. Este tramo non está afectado pola Lei de Costas senón que pertence á Xefatura de Estradas de Fomento.