O PP cualifica de "covardía política" que Carmela Silva non compareza no Parlamento
Por Redacción
A decisión do goberno provincial de non comparecer no Parlamento para explicar os seus orzamentos para 2018 é, para o Partido Popular, unha "covardía política" por parte da súa presidenta, Carmela Silva. Así o destacou o deputado popular Alberto Pazos.
O deputado do PP na cámara autonómica lamenta que "é a primeira vez", desde o acordo acadado en 2007 por todos os grupos parlamentarios, que un presidente ou presidenta de deputación se nega a comparecer.
"Queda claro que a señora Silva é incapaz de defender a súa xestión en calquera foro no que ela non teña o control da palabra", incidiu Alberto Pazos.
A actitude da presidenta da Deputación, engade Pazos, "é incompatible coa suposta transparencia da que habitualmente presume a señora Silva".
O deputado do PP considera "interesante" coñecer a valoración que fan desta "espantada" os socios de goberno do PSdeG-PSOE na Deputación, o BNG, "e se manterán a calada por resposta como fan habitualmente ante o proceder despótico que a caracteriza desde a súa chegada ao goberno provincial".