Marea pide a Educación que remodele a zonificación escolar no centro da cidade
Por Redacción
Á vista dos resultados que arroxou o novo mapa escolar da cidade, Marea Pontevedra considera que deben facerse unha serie de axustes, especialmente na zona centro.
A súa coordinadora, Peque González, entende que a proximidade do domicilio familiar é un criterio básico a ter en conta na asignación de centro escolar, "pero ten que ser un criterio real". En Pontevedra, engade, "non podemos entender como proximidade distancias de máis de un quilómetro entre o colexio e o domicilio".
Refírese en concreto aos cambios producidos nas solicitudes e asignación de prazas no CEIP de Vilaverde e no CEIP Manuel Vidal Portela.
Para Marea, non parece probable que o Vidal Portela recolla alumnado das rúas que perde o colexio Vilaverde, polo que consideran necesario realizar un novo estudio que remodele a zonificación do centro da cidade, no que conviven varios colexios públicos moi próximos entre si.
O principal problema que detecta Marea é que, en determinados casos ou zonas, o novo mapa escolar de Pontevedra "pode estar prexudicando á escola pública en beneficio da concertada".
"Parécenos imprescindible que todos os cambios que se realicen atendan sempre á mellora das escolas públicas da cidade", conclúe Peque González, docente de profesión.