Dous anos de prisión por estafar dez pontevedreses na venda de cociñas
Por Natalia Puga
Un vendedor de cociñas deberá cumprir dous anos de prisión e pagar unha multa de 1.350 euros por ter estafado a dez pontevedreses que denunciaron entre 2009 e 2010 ter sido vítimas de estafa e falsificación das súas sinaturas nos trámites de compra dunha cociña.
O home, Fernando S.N., leva atrasando o xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra dende que se fixou por primeira vez para o 15 de novembro de 2012. Finalmente, este martes foi xulgado e confesou ser o responsable dos feitos dos que o acusaba o fiscal.
A confesión permitiulle chegar a un acordo coa Fiscalía, que pedía inicialmete que fose condenado a sete anos de prisión e finalmente reduciu a pena a dous anos, ademais do pagamento das costas do xuízo e unha indemnización ás súas vítimas polas cantidades que se apropiou ao cobralos parte do custo das súas cociñas por adiantado sen que rematase o seu traballo. Tamén baixou o importe da multa que lle solicitaba, de dez meses a razón de 10 euros diarios a nove meses a razón de cinco euros.
Fernando S.N. conformouse coa pena imposta e non recorrerá a súa condena polos delitos contiuados de estafa e falsidade. Segundo recoñeceu, cometeu estes delitos como propietario do establecemento Galicocinas S.L. que no momento dos feitos estaba situado na rúa Loureiro Crespo da capital.
Para comenter esta infracción penal presentábase aos seus clientes como xerente e franquiciado da marca 'The singular Kitchen' a pesar de que esta marca internacional lle retirara a franquía.
Valéndose desta situación e "con ánimo de non cumprir os seus compromisos e de apoderarse de distintas cantidades de diñeiro" non colocaba as cociñas tras cobrar un adianto e falsificar o contrato coa financeira á que os compradores deberían pagar as súas cociñas.
En dez ocasións entre os anos 2009 e 2010 asinou contratos para a instalación dunha cociña, non rematou a súa colocación e, ademais, os mobles que si que instalou non eran da marca 'The Singular Kitchen' como contrataron os seus clientes e, ademais, tiñan moita menos calidade.