A Autoridade Portuaria de Vilagarcía, obrigada polo TSXG a entregar a cesta de Nadal
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou á Autoridade Portuaria de Vilagarcía (APV) a entregar a cesta de Nadal ao seu persoal despois de que este organismo tomase a decisión en 2016 de suprimir este agasallo.
As centrais sindicais recorreron xudicialmente a decisión sinalando que se trata dun dereito adquirido polo conxunto dos traballadores.
As seccións da CIG e de CC.OO. denunciaban que esta decisión adoptouse pola porta de atrás e sen comunicación nin diálogo co persoal.
Nunha primeira sentenza o Xulgado do Social número 1 de Pontevedra recoñecía o dereito de persoal da APV a percibir e seguir percibindo no futuro no mes de decembro de cada ano o denominado aguinaldo. A sentenza foi recorrida en suplicación pola APV ante o Tribunal Superior de Xustiza, que desestimou este recurso dándolle a razón aos traballadores.
A sentenza contempla que o persoal xubilado tamén ten dereito a recibir a cesta nas mesmas condicións que os traballadores en activo.