A provincia de Pontevedra suma 1,2 millóns de visitantes no que vai de ano
Por Oskar Viéitez
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que durante o pasado mes de setembro Galicia recibiu un 2% máis de visitantes, sumando preto de 4,2 millóns no conxunto de 2017, unha cifra que supón un máximo histórico.
No caso da provincia de Pontevedra no acumulado do ano, a demanda aumentou un 12% rexistrando 1,2 millóns de turistas e 3,1 millóns de noites. No que se refire ao mes de setembro é especialmente significativa a mellora do turismo rural, cun 25% máis de pernoitas neste destino.
Nava Castro compareceu este martes, nunha rolda de prensa na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, para valorar os datos difundidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE), nos que se reflicte que o sector turístico galego "continúa crecendo a bo ritmo, avanzando de maneira sostida no seu modelo de turismo responsable".
Unha vez finalizada a tempada estival, a directora aproveitou para facer un balance do ano no que subliñou o feito de que as pernoitas se incrementasen nun 5,2%, ata superar os 8,8 millóns, "un valor non conseguido nunca antes na nosa comunidade". Outra subida destacada foi a estadía media que crece un 3% de media nos aloxamentos, ao contrario do observado na dinámica estatal, que acumula unha caída próxima ao 1%.
A mellora dáse tanto no turismo nacional, cun incremento do 4,3% na demanda, como no internacional, que se eleva un 8,2%, o que propicia rexistros nunca vistos en ambos os casos.
Por tipoloxía de aloxamento, os establecementos hostaleiros creceron un 6,2%, mentres que os extra hostaleiros, un 1,3%. Nava Castro tamén reparou no crecemento rexistrado nos hoteis e apartamentos turísticos, que rolda o 10% en ambos os casos, e no turismo rural, que avanza un 4,3%.
Coa cifra de viaxeiros do pasado mes de setembro o balance anual incrementouse un 2%, ata case os 600.000, e nun 6% no de noites, ata os 1,2 millóns. A mellora vén da man tanto do turismo nacional como do internacional, que aumentan un 4,5% e un 9,7%. Ademais, a estadía media nese tempo creceu por encima do 4%.