Sorprenden un mozo sen carné e bébedo conducindo unha moto roubada en sentido contrario
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra sorprendeu á primeira hora deste luns un mozo de 26 anos conducindo unha motocicleta que furtara previamente. Circulaba en sentido contrario ao permitido pola rúa Perfecto Feijoo, carecía de carné para levar este vehículo e deu positivo no test de alcoholemia.
Segundo informou a Policía Local de Pontevedra, todo ocorreu sobre as 7.00 horas deste luns na rúa Perfecto Feijoo. Unha dotación policial viu como un mozo conducía unha moto Vespa pola beirarrúa e en sentido contrario ao establecido para esa rúa.
Os axentes déronlle o alto, pero o mozo fixo caso omiso e seguiu circulando cada vez a máis velocidade ata a altura do cruzamento coa rúa Fernando Olmedo. Alí deixou a moto tirada no chan e salío correndo, pero os policías lograron interceptalo pouco despois.
O mozo recoñeceu que a moto non era súa e a collera minutos antes na praza de Barcelos. Ademais, os axentes percibiron que presentaba síntomas evidentes de estar borracho, pois tiña cheiro a alcol e dificultades de vocalización e repetíase na conversación, de modo que lle realizaron a proba de alcoholemia.
O mozo deu resultado positivo no test, cunha taxa de 1,11 e 1,09 miligramos de alcol por litro de aire expirado. Ademais, os policías comprobaron que carece de permiso de conducir. Foi denunciado por tres delitos contra a seguridade viaria -conducir sen carné, baixo a influencia de bebidas alcohólicas e en sentido contrario- e deberá comparecer ante o xulgado de garda.
O mozo tamén foi denunciado por un delito de furto. Os policías localizaron ao dono da bicicleta, unha Vespa 200 de cor negra, e instárono a presentar a correspondente denuncia.