O PP acusa o goberno local de "ocultar" aos veciños que existe un criterio para devolver o imposto de plusvalía
Por Redacción
O PP de Pontevedra volveu a criticar este martes ao goberno local pola súa actitude en relación coa devolución do imposto de plusvalía a cidadáns que vendan as súas propiedades con perdas. O portavoz 'popular', Jacobo Moreira, acusou ao executivo de mentir ao ocultar que o pasado 10 de outubro aceptou un acordo de conformidade nun xulgado pontevedrés polo que devolveron 9.000 euros a unha empresa inmobiliaria que reclamaba a plusvalía e tamén ao negar que teñen establecido un criterio para devolver o diñeiro a quen demostre cun informe pericial que perderon diñeiro ao vender.
Moreira deu a coñecer a existencia desta sentenza do 10 de outubro días despois de que o goberno local desvelase a que se cría que era a primeira sentenza en Pontevedra que obriga a devolver a un contribuínte o imposto de plusvalía -do día 26 de outubro- e tamén un decreto asinado polo alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores, que facilitou aceptar a conformidade desa sentenza e devolver os 9.000 euros.
Nese decreto, segundo interpreta Moreira, xa se incorpora un criterio establecido polo Concello e que "ocultaran" ao resto de partidos e aos cidadáns pontevedreses. En virtude dese criterio, aos cidadáns que acheguen un informe pericial que acredite que perderon diñeiro ao vender as súas propiedades devolveráselles o diñeiro da plusvalía sen necesidade de ir a xuízo.
O líder do PP, que compareceu co concelleiro César Abal, cuestiona que esta sentenza e este decreto demostran a dobre "moral" do goberno local, pois ás empresas que teñen máis medios económicos e recursos para contratar asesoría xurídica devólvenlles o diñeiro da plusvalía cun acordo que evita a celebración dun xuízo e aos veciños do montón obríganlles a ir ao xulgado, pagar un avogado e un informe pericial e esperar a que un xulgado dite sentenza.
Ademais, Moreira aproveitou para criticar que este criterio polo que o Concello devolve a plusvalía ao existir un informe pericial supón un cambio de postura con respecto ao que mantivo o concelleiro de Facenda, Raimundo González, no pleno da corporación do mes de setembro.
Nese pleno o PP presentou unha moción pedindo mecanismos para informar os veciños sobre a plusvalía e a devolución dos impostos cobrados indebidamente e non saíu aprobada ao contar co voto en contra de todo o resto de partidos. "Deberían falar máis o alcalde e o concelleiro de Facenda", interpreta Moreira.
O PP volve insistir en que o Concello debe informar os veciños sobre como reclamar a devolución da plusvalía e sobre ese novo criterio, pois "cada día que pasa resta en contra dos veciños que poden perder o dereito para reclamar", xa que esa posibilidade prescibe aos catro anos.
Relacionadas:
-
O PP critica a postura do goberno local sobre as plusvalías, abocando aos pontevedreses á vía xudicial
Por Redacción |
-
Primeira sentenza en Pontevedra que obriga a devolver a un contribuínte o imposto de plusvalía
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra modificará o imposto de plusvalía cando o faga Facenda
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pon a disposición dos afectados polas plusvalías un impreso para instar ao Concello a devolución
Por Oskar Viéitez |