Testemuñas da detención por abusos na Barca: "Xa está libre. Polo menos que lle fagan algo... Sinto impotencia"
Por Natalia Puga
Bea camiñaba xunto á súa nai polo Paseo de Colón sobre as nove da noite do pasado xoves cando viu achegarse dous homes á carreira. O primeiro fuxía. O segundo perseguíao ao berro de: "Parade ese home, non o deixedes pasar, parádeo". A poucos metros de distancia un home supostamente cometera un abuso sexual a unha moza mentres cruzaba pola ponte da Barca e o outro, tras presencialo, decidiu que non o deixaría pasar e correu tras el. A escena acabou en detención, pero ao día seguinte o xulgado deixou en liberdade ao suposto responsable do asalto, unha decisión que causou indignación.
Esta moza pontevedresa foi testemuña do incidente e, tras saber que o home foi posto en liberdade investigado por un delito de abusos sexuais, sentiuse "cabreadísima". "Polo menos que lle fagan algo... Sinto impotencia", insiste a moza, consciente da gravidade da situación que tivo que sufrir a moza de 27 anos á que o detido someteu a tocamentos na ponte e da sensación de inseguridade que senten todas as mulleres.
A ela, particularmente, "se é de noite, dáme medo ir soa a casa". Vive preto de lugar no que ocorreron os feitos e "xa me daba medo antes", pero agora moito máis e nos últimos días colleu un taxi para ir a casa. Á sensación de impotencia que sente por saber que o presunto atacante está libre súmase a rabia por saber que polo mero feito de ser muller vese a diario exposta á acción deste tipo de agresores.
"A un home nunca lle pasa, non ten medo de ir só a casa", lamenta, en alusión a ese tipo de violencia machista que está moi estendida e aceptada na sociedade e que inclúe desde gabanzas indesexadas pola rúa a ataques como o do pasado xoves na ponte da Barca.
A escena do xoves non se lle esquece e tampouco a imprescindible colaboración cidadá. O asaltante, mentres fuxía, caeu ao chan e ao momento chegou o home que operseguía. "Agarrouno e dixo: este home acaba de tocar unha nena no medio da ponte". A pesar de que se resistiu e tentou escapar, logrou retelo.
Ante a escena, un grupo de veciños xuntouse no Paseo de Colón e varios chamaron á Policía Nacional. Mentres tanto, ata catro viandantes retiveron o atacante á espera da chegada dos axentes. Levárono detido, "pero durou pouco", lamenta.
"Unha señora dicindo: é que estaba bébedo... Iso non é escusa ningunha"
A moza atacada relatou á nai da moza que comparte a historia con PontevedraViva que "ía camiñando cun vestido, non levaba medias, agarrouna por baixo da saia, tocouna...". Foi todo moi rápido e a moza, de 27 anos, empezou a gritar, momento no que o atacante saíu fuxindo e xa, ao momento, un home que camiñaba detrás, foi tras el.
En canto ao 'heroe' da noite, explicou que xa notou unha actitude estraña no atacante antes de que se abalanzase sobre a moza. E, de súpeto, viuno sobre ela, tocándoa e escoitou á moza gritar. A súa colaboración, ao ir tras el, foi crucial para a súa detención. "Menos mal que este home fixo isto porque se non, eu creo que o deteran", valora Bea.
A moza refire a escena como moi desagradable, coa vítima "cun ataque de ansiedade, bastante ansiedade" e preocupada por se podía cravarlle algo. Ademais, cuestiona as reaccións de moita xente ante o grave incidente. "A xente dicía que cheiraba a alcol. Unha señora dicindo: é que estaba bébedo... Iso non é escusa ningunha".