O Servizo de emerxencias busca en Carril durante máis dunha hora a catro mariñeiros que estaban en casa
Por Anxo Lourido
Apenas pasaban quince minutos das doce da noite e na zona entre Carril e Bamio o temporal sopraba con forza, tanta que unha pequena embarcación pesqueira con catro mozos veciños de Carril nela envorcou preto da illa de Cortegada. O golpe de mar arrastrou os catro mariñeiros pero debido á marea baixa a auga só dáballes polo embigo e todos conseguiron poñerse de pé, segundo relataba o patrón maior da confraría de Carril, Fernando Franco.
Entre a confusión pola caída e a escasa visibilidade, dous dos mozos foron camiñando ata a beira e ao chegar a terra achegáronse ata a casa dun veciño a quen lle contaron o sucedido. O veciño alarmouse e foi quen alertou ao servizo de emerxencias do 112. O home indicou que a embarcación envorcara e que dous tripulantes se encontraban aínda na auga desaparecidos. A partir dese momento iniciouse todo o operativo de salvamento coa saída do helicóptero e de dúas embarcacións de Salvamento Marítimo. Alertouse os servizos de emerxencia de Vilagarcía, a Protección civil, aos responsables da confraría de pescadores de Carril e aos axentes da policía local e nacional da vila que, en realidade, non tiñan claro a cantos tripulantes tiñan que localizar.
Os efectivos iniciaron a busca no ámbito da Illa de Cortegada. Unha hora máis tarde se suspendía todo o operativo despregado. Os outros dous mozos encontrábanse xa en terra, indo para as súas casas, tras conseguir dar a volta á embarcación. Ningún sufría feridas de gravidade e todo quedou nun susto que mantivo en alerta á poboación de Carril durante a medianoite.