O porto de Santa Cristina de Cobres dará mellor abrigo ás súas embarcacións
Por Redacción
A Consellería do Mar vén de mellorar as condicións de abrigo no porto de Santa Cristina de Cobres. Así o comunicou este luns o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha visita realizada ao municipio pontevedrés de Vilaboa para comprobar os traballos realizados.
Durán Hermida explicou que o seu departamento vén de investir máis de 40.000 euros na instalación de módulos de flotación de formigón que permitirán aportar maior refuxio para a frota. Deste xeito, refórzase o abrigo nunha zona que ata o momento non contaba con ningunha estrutura artificial para este fin.
Esta nova dotación dá servizo ao conxunto dos pantaláns de Santa Cristina de Cobres, tanto pesqueiros como deportivos. Deste xeito darase solución ao problema posto de manifesto pola confraría de pescadores da localidade en relación ao impacto na frota do vento de suroeste, aínda en condicións meteorolóxicas non especialmente adversas.
Os módulos aboiantes instalados están construídos en formigón reforzado e conformarán unha liña de flotación continua que servirá como abrigo para as embarcacións.