Detidos dous mozos aos que sorprenderon nunha compravenda dun quilo de haxix
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra detivo nos últimos días dous homes de 26 e 27 anos como presuntos autores dun delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas logo de incautarlles 1.050 gramos de haxix.
A detención tivo a súa orixe nunha intervención dunha patrulla da Policía Local o pasado 20 de outubro nas inmediacións da rúa Xosé Malvar e o aparcadoiro de autocaravanas. Sobre as 19.00 horas, os axentes detectaron a presenza sospeitosa de tres mozos, dos que dous eran coñecidos por intervencións anteriores relacionados co tráfico de estupefacientes.
Ao pouco tempo, os mozos auséntanse do lugar e os axentes, ante a sospeita que acabasen de realizar unha operación de compravenda de estupefacientes, realizaron tarefas de seguimento sobre un deles.
O mozo estacionou o vehículo no aparcadoiro da praza da Liberdade e volveuse atopar cun dos mozos cos que estivera falando antes. Os axentes presenciaron como lle entregaba unha bolsa de plástico no interior dunha cafetería da rúa Raíña Vitoria e, a continuación, o receptor da bolsa dirixiuse á rúa Palamios.
Nese momento foi interceptado polos axentes da Policía Local de Pontevedra, que lle pediron ver a bolsa e descubriron que levaba dentro da mesma dous paquetes plastificados nos que había unha substancia vexetal resinosa de cor marrón que resultou ser haxix. A bolsa levaba 101 landras con 1.050 gramos de haxíx e o mozo, de 26 anos, foi detido.
Este mozo era o comprador e ao día seguiente os axentes detiveron ao suposto vendedor, un home de 27 anos de idade, ao que se lle atribúe o mesmo delito contra a saúde pública.
O caso xa foi posto en coñecemento da Policía Nacional e do Xulgado de Garda.