Un condutor bébedo e drogado cae a unha leira e queda envorcado sobre un poste da luz en Poio
Por Natalia Puga
Un condutor que posteriormente deu positivo aos test de consumo de alcol e drogas protagonizou este sábado un aparatoso accidente de tráfico na rúa Anafáns, en Poio.
Segundo informou a Policía Local de Poio, o sinistro produciuse sobre as 13.30 horas. Veciños da zona alertaron do ocorrido e, cando chegaron ao lugar, puideron ver que un vehículo saíra da vía e fora a parar a unha leira situada ao pé da estrada.
O coche chocou cun poste da iluminación pública situada na citada leira e causou danos no mesmo. O vehículo quedou envorcado contra o poste e foi necesario que se trasladase ao lugar un guindastre para retiralo.
Os axentes da Policía Local someteron ao condutor ás probas de consumo de alcol e drogas e deu positivo en ambas. No test de alcoholemia arroxou un resultado de 1,01 miligramos por litro de aire expirado.
O home, veciño de Poio de 42 anos, será denunciado pola vía penal por un delito contra a seguridade viaria. As dilixencias serán remitidas ao xulgado de garda de Pontevedra, onde será sometida a xuízo rápido nos próximos días.
O accidente non deixou feridos, pero si danos materiais que serán reclamados ao condutor. Ademais, foi necesario cortar a rúa para retirar o vehículo.
Fontes veciñais indicaron que o accidente se produciu no momento en que se cruzaron dous vehículos, pois se trata dun punto da estrada moi estreito.