A Policía Local de Poio pon en marcha un programa para a protección dos menores
Por Redacción
A Policía Local de Poio coordina un novo proxecto de seguridade centrado na protección do menor e a prevención no entorno escolar. Trátase do programa Axente Titor, un servizo policial ao que se destinan axentes especializados na promoción dos dereitos da infancia.
Segundo informou a Policía Local, o programa preséntase como un recurso para apoiar á comunidade educativa e baséase na estreita coordinación co resto de profesionais da rede de recursos municipais.
Unha das funcións principais dos axentes titores é a protección no entorno escolar e a resolución dos conflitos que poidan xurdir dentro do mesmo, en coordinación co resto de servizos que traballan con menores de idade e servindo de enlace coas familias.
As actuación serán no propio centro escolar e en medio aberto e promoveranse accións centradas nos perigos vencellados ás tecnoloxías da información e a comunicación, en materia de medio ambiente, en seguridade viaria e en diverso tipo de consumos e abusos.
O programa prestará atención ao acoso escolar e promoverá actividades informativas, preventivas e orientativas, así como simulacros de evacuación nos centros e actuacións sobre sustancias estupefacientes e mellora da seguridade en xeral nos entornos escolares.