A Policía fai un chamamento aos cidadáns para que extremen as precaucións nos cemiterios
Por Redacción
A medida que se achega o Día de Defuntos, os cemiterios reciben cada vez máis visitas de persoas que preparan os seus panteóns e nichos para a celebración. Ao mesmo ritmo que os cidadáns limpan e decoran os camposantos, aumenta a actividade dos ladróns "especialistas en cemiterios" que, cada ano, aproveitan os descoidos dos pontevedreses nestes lugares aparentemente tranquilos para roubar ao descoido as súas pertenzas.
Ante tal situación, a Comisaría da Policía Nacional fixo públicos unha serie de consellos para tentar evitar os recorrentes roubos que se producen sempre por estas datas. Polo ocorrido en anos anteriores, os ladróns céntranse en furtar no interior dos vehículos que os cidadáns deixan nas inmediacións dos cemiterios.
En anos anteriores hai constancia de denuncias nos cemiterios de Salcedo, Campañó, Bora e San Amaro. En todos os casos os denunciantes deixaran o bolso no interior do vehículo mentres estaban no interior do cemiterio e os individuos aproveitaron para subtraer os efectos que deixaran no interior dos coches. O habitual é que fracturen o cristal do portelo, pero tamén hai casos de cidadáns que deixaron o vehículo aberto.
Os policías recomendan que non se deixe o vehículo, se é posible, nun lugar pouco concorrido ou con pouca iluminación e que nunca se deixe sen pechar. Ademais, non deben deixarse obxectos de valor e á vista no automóbil, tales como bolsos, cazadoras, portátiles, lentes de sol ou móbiles, e nunca as chaves postas.
Ademais, aconséllase aos cidadáns que non esperen ata chegar ao destino para gardar no maleteiro obxectos e, se a radio do coche é extraíble, que leve. No caso de que o coche teña alarma, debe conectarse sempre que vaia a abandonar o vehículo.