Bueu propón un plan de igualdade como ferramenta realista contra a violencia de xénero
Por Redacción
O Consello de Igualdade celebrou un encontro este xoves no salón de plenos do Concello de Bueu para estudar as liñas de actuación do IV Plan para a Igualdade de mulleres e homes, que o goberno local quere aprobar nos primeiros meses de 2018 co obxectivo de que permaneza en vigor durante catro anos
A sesión contou coa presenza da directora do Centro de Información ás Mulleres, Montserrat González, que estivo acompañada polo alcalde, Félix Juncal; a concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero e o concelleiro de urbanismo, Martín Villanueva. O portavoz do PP Manuel Santos e representantes dos centros educativos, das ANPAS e do centro de saúde tamén participaron.
Durante o encontro incidiuse en que o plan será unha ferramenta realista, con accións que se debe desenvolver en diferentes campos, incidirase na educación como chave para cambiar a mentalidade social e mellorar a coordinación entre todos os axentes implicados na loita contra a violencia de xénero.
O plan difundirase ao persoal técnico, axentes sociais, empresariado e cidadanía en xeral; a segunda será formar na perspectiva de xénero ao persoal político e técnico para garantir a consecución da igualdade. Establecerase o criterio de igualdade de oportunidades e vai velarse polo cumprimento dunha linguaxe e unha imaxe non discriminatoria en carteis, documentación, proxectos, ofertas de emprego e publicidade.
A partir desta reunión, os representantes do Consello contarán cun prazo de 15 días para propoñer ideas e alegacións ao borrador do plan.