O goberno local traballa nun orzamento de 74 millóns de euros que negociará de maneira "preferente" con Marea
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Facenda do Concello de Pontevedra, Raimundo González, adiantou as liñas básicas do orzamento municipal para 2018 que se eleva ata os 74 millóns de euros e que agora negociará "con carácter preferente" con Marea Pontevedra.
A falta de coñecer a cantidade que achegarán ás arcas locais os ingresos do Estado e o incremento retributivo do persoal (estimado nun 1,5%) , o concelleiro nacionalista fixo un avance "aproximado" das grandes cifras do orzamento que este mesmo xoves trasladará ás tres federacións veciñais para que poidan facer as súas achegas para incorporar ao borrador na segunda semana de novembro. A partir desa data entregarase o documento aos grupos da oposición.
Raimundo González precisou que haberá "reunións previas" co grupo de Marea Pontevedra con quen hai unha comunicación "máis ou menos permanente", dixo. En todo caso afirmou que "vou con espírito aberto á negociación".
O BNG traballa cunha previsión de 21,8 millóns de euros para de persoal o que supón unha subida de medio millón con respecto ao orzamento actual, no capítulo do gasto corrente destínanse 31,4 millóns, "para os bancos", indicou o concelleiro, gárdanse 350.000 euros ao pago de intereses e 2,3 millóns para amortizacións.
En canto aos investimentos prevense 12,8 millóns de euros, unha cifra similar á deste ano na que non se inclúen os proxectos que se financiarán a través dos fondos europeos DUSI.
O goberno local pretende levar a pleno o orzamento na primeira quincena de decembro.
Relacionadas:
-
A metade dos investimentos municipais para 2018 será no rural
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Marea propón incluír no orzamento de 2018 un plan de emprego xuvenil
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello asumirá a "gran maioría" das propostas veciñais ao orzamento municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Luís Rei quere repetir como cartel electoral de Marea Pontevedra para as próximas municipais
Por Oskar Viéitez |
-
A renda social municipal, única "pedra no camiño" para que Marea apoie os orzamentos de 2018
Por Diego Espiño |