O Concello arranca as obras do parque de Borela e abre a opción dunha nova área infantil de xogos en Tenorio
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade segue inmerso no desenvolvemento do Plan de Creación e Mellora de Parques Infantís e vén de arrancar as obras de construción do novo recinto infantil de Borela, ao tempo que abre a posibilidade de actuar neste eido en Tenorio, ben coa ampliación da área de xogos existente ben acometendo un proxecto novo noutro emprazamento.
Os traballos no complexo de Borela, situado detrás da Casa do Pobo, acaban de comezar e xa se rematou a soleira de formigón nunha superficie duns 120 metros cadrados. En principio, está previsto que se rematen nas vindeiras semanas e que o novo parque estea perfectamente homologado e cheo de xogos e mobiliario adaptados á normativa.
Esta actuación enmárcase nun paquete orzamentado en 80.000 euros e que contempla a construción deste recinto e os das parroquias de Viascón e Santa María de Sacos entre o que resta de ano e o primeiro semestre do vindeiro exercicio, dándolle continuidade aos recentes traballos de mellora de áreas de xogo acometidos en Carballedo e Cerdedo.
Paralelamente a estas obras, o presidente municipal, Jorge Cubela, vén de brindar aos veciños de Tenorio, dado que é unha zona moi poboada e con moitos rapaces, a posibilidade de celebrar unha xuntanza para abordar a situación das infraestruturas de lecer pola alta demanda.
Nese encontro, aínda por determinar, decidirase se se amplía o parque actual, construido en 2011 na parte traseira da escola infantil, ou se acomete un novo noutro espazo da parroquia.