Bueu acollerá en abril a primeira Feira da Ciencia e da Literatura
Por Redacción
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, mostrouse satisfeito tras a reunión mantida este mércores co equipo da biblioteca do IES Johán Carballeira para a presentación da primeira Feira da Ciencia e da Literatura que se vai celebrar na vila de cara a comezos de abril na Praza Massó.
A idea parte de Carmen Miñambres, profesora do instituto e coordinadora da biblioteca, e de Luísa Conde, mestra de matemáticas, e pretende achegar a ciencia á toda a cidadanía.
Segundo destacou o alcalde, trátase "dun proxecto ilusionante que nos gusta moito e que é moi atractivo para todos os públicos, en especial para os máis pequenos e pequenas".
Entre as actividades que se barallan están a organización de charlas e demostracións por parte de autoresou asociacións científicas, ou xogos para os máis cativos.
Félix Juncal quixo agradecer ao centro por estas iniciativas que permiten que o Concello poida contar con proxectos que redunden no resto da sociedade e que permitan que o espazo público sexa un lugar de encontro entre varias xeracións.