O alcalde da Lama negocia a cesión do muíño de Seixido
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, supervisou os traballos de limpeza e roza levados a cabo polos operarios municipais no antigo camiño de acceso ao lugar de Cendón, nas inmediacións da que se coñece como a piscina de Seixido, así como da canle que fornece auga a un vello muíño tradional de dous rodicios que viña desenvolvendo a súa función hai moitos anos na zona e que agora se atopa nun estado de abandono total.
A intención do alcalde é habilitar esta zona próxima á igrexa de Seixido como parte dun circuíto de sendeirismo que teña como punto de partida e chegada o templo relixioso e que permita poñer en valor este lugar de especial riqueza ambiental e paisaxística que discorre xunto ao antigo camiño de acceso ao lugar de Cendón desde Seixido.
Jorge Canda negocia xa cos propietarios do muíño de vella factura, expoñente da arquitectura popular de alto valor etnográfico, para poder restauralo e poñelo en funcionamento como un atractivo turístico máis da zona así como para gozar da veciñanza que ve con moi bo ollos este proxecto de recuperación, tal e como lle comunicaron en varias ocasións ao alcalde.
Para poder actuar sobre este inmoble, o Concello da Lama deberá dispoñer da cesión do mesmo por espazo duns anos co fin de poder atender os requirimentos legais necesarios para poder afrontar as obras de reparación e posta en funcionamento do muíño.
Por outra banda, as inmediacións contan cun regacho que dispón dunha pequena zona de baño xa habilitada hai moitos anos e que precisa dun mantemento adecuado así como a preparación da contorna para facilitar a súa accesibilidade para que poida ser de gozar público durante as épocas de calor estival xa que a vexetación existente na zona desenvolveuse sen control durante anos.
"Nós, desde o Concello, estamos dispostos a atender todas as demandas, peticións e iniciativas que nos trasladen os veciños, sempre desde a disponibilidade orzamentaria e a utilidade pública. Consideramos que é bo para Seixido ter esta ruta de sendeirismo activa e tamén consideramos moi interesante o poñer a andar de novo este muíño que tanto axudou a saír da fame a moitas familias desta parroquia moendo todo tipo de gran. Agora estamos negociando cos herdeiros a súa cesión porque sin esa condición non se poden investir cartos públicos, que son de todos e para todos", sinalou o alcalde Jorge Canda.