Pontevedra reclama a Telmo Martín que "pague o que debe" pola auga e se deixe de "telmadas"
Por Alejandro Espiño
Unha débeda aproximada de 1,8 millóns de euros. É o diñeiro que, segundo o Concello de Pontevedra, debe Sanxenxo por abastecer auga ao municipio. Así o desvelou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, que reclamou ao alcalde de Sanxenxo que "pague o que debe" antes de facer outro tipo de manifestacións "de mala fe".
"Sanxenxo segue pagando unha contía que non é a establecida", explicou González.
Cada dous meses, Pontevedra remite un recibo pola auga que serve a Sanxenxo cun prezo idéntico ao que pagan outros concellos como Marín, Poio ou Ponte Caldelas: 19 céntimos por metro cúbico de auga. Pero Sanxenxo "estima que vale moito menos" e, de forma unilateral, paga só a metade do prezo establecido.
Ata agora, "por solidariedade e boa veciñanza", Pontevedra nunca cortou o abastecemento de auga a Sanxenxo, pero a débeda segue engordando e notifícase pola vía administrativa cada certo tempo para evitar que prescriba.
Unha vez estea adxudicado o novo contrato da auga, engadiu o edil do BNG, Pontevedra tentará asinar con Sanxenxo un convenio regulador, similar ao que asinaron o resto de municipios da ría, que recolla as condicións da cesión de auga. En caso contrario, analizaranse outras opcións para reclamar o diñeiro debido.
Sen ese convenio, advertiu Raimundo González, "non teriamos por que darlle auga a Sanxenxo" e Pontevedra podería "cortar o grifo" en calquera momento. Non o farán, explicou, porque os afectados "serían os veciños e non Telmo".
"Seguiremos negociando con Sanxenxo ata a extenuación", sinalou o portavoz do goberno municipal, que cualificou como "telmada" a reclamación do municipio veciño, desvinculándoa de calquera directriz política por parte do Partido Popular.
En todo caso, a postura do alcalde de Sanxenxo demostra "ignorancia" pola súa banda, segundo o BNG pontevedrés, que lamenta que Telmo Martín non se dirixiu "para nada" ao Concello de Pontevedra antes de facer público a posibilidade de presentar un recurso contencioso contra os pregos técnicos do novo contrato do servizo de abastecemento de auga.
"É unha actitude pouco seria", concluíu o edil responsable do ciclo da auga, que garante que a postura de Sanxenxo non atrasará o proceso de adxudicación do novo contrato.
Relacionadas:
-
Obrigan a retirar un depósito de Repsol á beira dos edificios na rúa Tablada
Por Redacción |
-
Pontevedra e Sanxenxo enfrontaranse nos tribunais pola débeda da auga
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo irá ao xulgado polo conflito da auga con Pontevedra
Por Redacción |
-
Sanxenxo acusa a Pontevedra de intentar "facer negocio" á súa costa coa auga
Por Redacción |