O servizo de dermatoloxía do CHOP segue a acumular premios
Por Redacción
O servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra recibiu dúas mencións de honra nos Premios Best in Class (BIC), un dos mellores de España. Foi distinguida nas categorías de servizo e de atención á psoriase.
Este é o terceiro ano consecutivo no que a unidade é distinguida nestes galardóns que anualmente convoca a publicación especializada Gaceta Médica xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos.
A xefa do servizo de Dermatoloxía, María Ángeles Flórez Menéndez, recolleu as mencións nun acto en Sevilla ao que tamén acudiron directivos médicos e de calidade da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, entre eles o erente del CHOP, José Ramón Gómez Fernández
Estes premios recoñecen publicamente os mellores servizos, unidades e procesos asistenciais de hospitais e centros de saúde de toda España, tanto públicos como privados, destacando a excelencia na atención ao paciente e o bo facer dos profesionais sanitarios.
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés foi a segunda área sanitaria de España que acadou máis candidaturas finalistas, cun total de 13 nominacións aos Premios Best in Class 2017. Foron elixidos finalistas os servicios de Farmacia Hospitalaria; Alergoloxía e Inmunoloxía; Reumatoloxía; Medicina Interna, como servizo e pola sección de procesos infecciosos, pola atención do VIH-Sida e con gran peso no programa de formación dos Médicos Internos Residentes; Psiquiatría, como mellor servizo no tratamento da esquizofrenia; Dixestivo, pola súa atención á Hepatite C e á patoloxía dixestiva; e o complexo en si mesmo por sendos plans de humanización e de formación MIR.