O Pazo da Cultura acolle unha xornada sobre o sufrimento psíquico onde se tratará o aumento de suicidios
Por Anxo Lourido
"O sufrimento psíquico: malestares e expresións psicopatolóxicas" será o lema baixo o que se desenvolverá a xornada organizada pola Asociación Galega de Saúde Mental - Asociación Española de Neuropsiquiatría (AGSM-AEN) durante o vindeiro venres 27 no Pazo da Cultura.
Durante este evento daranse cita ao redor de 100 persoas entre os que se situarán profesionais relacionados coa saúde mental. Entre eles non estará Isauro Gómez Tato, xefe de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra, segundo afirmaba Santiago Parada, coordinador desta xornada, que este mércores presentaba no Concello de Pontevedra, acompañado polo psiquiatra Víctor Pedreira, anterior xefe dese servizo, e polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Parada indicou que Isauro Gómez declinou a invitación para participar neste encontro.
A xornada analizará os desencadenamentos e tratamentos do sufrimento psíquico en casos moi concretos como o das mariscadoras, un colectivo profesional que padece malestares emocionais. Tamén se tratará a violencia filio-parental co carácter impulsivo de adolescentes que se enfrontan aos seus pais.
Ademais analizaranse situacións como a perda de persoas próximas, as rupturas sentimentais ou o desemprego e o incremento do número de suicidios na nosa sociedade consideradas "mortes invisibles". Por outra banda, nunha das mesas que se desenvolverá ao longo do venres realizarase un estudo sobre a familia do paciente mental grave.
Santiago Parada afirmou que estes días está a comprobarse que o sufrimento con motivo dos incendios foise mitigando grazas á solidariedade, como tamén sucedera coa traxedia do Prestige. O coordinador deste encontro sinalaba que tamén se faría referencia ás situacións de pacientes que se visen afectados por estes incendios. E sinalaba que en moitos destes casos a solución non é a medicación senón escuhar, apoiar e ofrecer pautas de manexo e autoaxuda.
A inscrición a esta xornada pódese facer a través da web da asociación ou contactando co correo electrónico secretaria@agsm-aen.org. O prezo para os non socios é de 60 euros, mentres que os socios da AGSM-AEN e o persoal en formación poderán inscribirse por 40 euros. Os desempregados só terán que pagar 20 euros. Os prezos inclúen a comida e o café.