Dous acusados dunha malleira no exterior dun pub alegan defensa propia: "Yo protegí mi vida, que me mataba"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Os pontevedreses Gabriel P.M. e Francisco P.V. declararon este martes como acusados na Audiencia Provincial de Pontevedra por darlle unha malleira a outro individuo no exterior dunha coñecida discoteca da rúa Benito Corbal golpeándoo con cintos de hebillas metálicas e propinándolle patadas e puñadas. A súa presunta vítima referendou esta acusación, pero eles defendéronse. Recoñeceron que se viron implicados nunha pelexa, pero na que recibiron a peor parte por parte do suposto agredido e de máis xente que non foi identificada.
O xuízo celebrouse este martes despois de que tivese que suspenderse hai 20 días, o 5 de outubro, porque un dos acusados, Francisco P.V., presentouse borracho na sala e non estaba en condicións de declarar. Ademais, tanto el como un acompañante que estaba no público mostráronse agresivos coa prensa.
Este martes, antes da celebración da vista, un forense examinouno e confirmou que nesta ocasión si podía declarar. Ademais, o xuízo celebrouse con medidas de seguridade reforzadas. O outro acusado, Gabriel P.M., está en prisión por outro delito e, por tanto, acompañábanlle dous axentes da Policía Nacional. A maiores, un terceiro policía adicional permaneceu na sala durante toda a sesión.
Ambos os acusados defenderon a súa inocencia e apelaron á defensa propia, pero Gabriel foi o máis contundente. Explicou que aquel 23 de agosto de 2014, cando salío do pub, estaban a esperalo o mozo de orixe marroquí que aparece como vítima nesta causa e outros dous compatriotas e empezaron a atacalo. El, segundo o seu relato, respondeu, pero en defensa propia: "Eu protexín a miña vida, que me mataban".
Segundo indicou, o outro acusado tamén foi atacado, recibiu patadas e puñadas e chegou un momento en que o deixaron inconsciente no chan. Foi nese momento no que el colleu o seu cinto "en defensa propia porque me mataban", aínda que asegura que non chegou a utilizalo. "Saquei o cinto para protexer a vida miña, senón matábanme", reiterou, en alusión ao medo que sufriu.
A súa suposta vítima presenta unha lesión por un obxecto inciso na zona das costas. A esta lesión tenlle explicación Gabriel. Segundo explicou na sala, o mozo atacoulle a el co vaso e causoulle cortes no pescozo e a fronte, o cu do vaso caeu ao chan e "castigouno Deus e caeu no chan e cravouno nas costas". O acusado, que levaba colgado da boneca un crucifixo, apelou a unha intervención divina en varios momentos da súa declaración. Segundo indicou, "foi un castigo de Deus" que a presunta vítima sufrise esa lesión co vaso.
O outro acusado tamén coincide en que el e Gabriel foron atacados por varias persoas. El saíra a fumar cando viu que xa estaban a atacar ao outro procesado entre varios. Cando se meteu no medio, "abrasáronme a patadas" e el sacou o cinto. Como o seu compañeiro, asegura que non chegou a utilizalo, só utilizouno como barreira e, cando chegou a policía, levantou os brazos e entregouno.
Francisco P.V. nega que atacasa ao resto: "Como lle ía dar patadas se estaba non chan?", pregúntase. Tanto el como o outro acusado recoñeceron que esa noite beberan grandes cantidades de alcol e consumiran cocaína.
A presunta vítima negou que tanto el como outras pesonas agredisen aos acusados. Segundo a súa versión, todo empezou porque saíu do local para fumar e había catro persoas que tentaban entrar, pero os porteiros non lle deixaban. Un díxolle "entra o mouro e eu non entro" e empezou a pelexa, con catro persoas pegándolle ás que non coñecía de nada. "Sentía cintos voando", explicou e, tras a agresión, perdeu dúas pezas dentais.
Tras o xuízo, o fiscal mantivo a súa petición inicial de que sexan condenados a tres anos e medio de prisión cada un como autores dun delito de lesións causantes de deformidade en concurso con outro de lesións agravado co emprego de instrumento perigoso. Os seus avogados defensores pediron a súa absolución, pero introduciron cambios nos seus escritos provisionais. Ambos pediron que se lles aplique as circunstancias atenuantes de embriaguez e dilacións indebidas e o de Gabriel tamén a de lexítima defensa.
Relacionadas:
-
Ano e medio de cárcere a dous acusados dunha malleira ás portas dunha discoteca de Benito Corbal
Por Natalia Puga |
-
Un acusado preséntase bébedo nun xuízo e, cun acompañante, increpa á prensa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Enfróntanse a tres anos e medio de prisión por dar unha malleira un home no exterior dunha discoteca de Benito Corbal
Por Redacción |
-
Enfróntanse a tres anos e medio de prisión por dar unha malleira un home no exterior dunha discoteca de Benito Corbal
Por Redacción |