Un condutor bébedo choca cun turismo aparcado en Areas e dáse á fuga
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Un espectacular accidente con importantes danos materiais rompeu a tranquilidade da noite deste luns en Areas, en Sanxenxo. Por causas que se descoñecen, un vehículo todoterreo saíu da vía e chocou cun farol e un turismo estacionado na beiravía. A continuación, deuse á fuga, pero foi localizado pouco despois.
Todo ocorreu ao redor das 22.30 horas deste luns. Efectivos do subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, a Policía Local e os bombeiros de Sanxenxo acudiron ante un aviso por un accidente. Ao chegar, atopáronse co turismo estacionado gravemente danado e sen rastro do todoterreo que lle provocou os danos.
Efectivos de Tráfico estableceron un dispositivo de procura para localizar ao condutor fuxido. Nun primeiro momento foi localizado en Raxó, no veciño concello de Poio, o todoterreo co que tivera o accidente e, posteriormente a persoa que o conducía.
O condutor resultou ser un veciño de Raxó de 28 anos que deu positivo na proba de alcoholemia que lle practicaron os axentes de Tráfico. Segundo as primeiras informacións, o home será acusado polo menos dun delito contra a seguridade do tráfico.