Propietarios de Sanxenxo piden que o PERI-3 revirta en solo urbano para poder construír
Por Redacción
Os propietarios de parcelas do Camiño Vello (Casas), Carabuxeira, en Sanxenxo levan 15 anos esperando unha solución para as súas leiras, que no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Sanxenxo do ano 2002 expoñía que para poder construír nos seus terreos era necesaria a total urbanización desa zona, denominada PERI-3.
Segundo expoñen estes propietarios, para poder urbanizar era necesario un acordo entre todos ou que algunha inmobiliaria mercara esas propiedades e procedese á súa urbanización para construír edificacións. Pola contra, nunca se chegou a acordo e os donos de solares afirman que, na actualidade, non poden facer nada a título individual.
Por este motivo, queren manter un encontro co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e solicitarlle que esas leiras deixen de estar suetas ás ordenanzas que afectan a un PERI e revertan a unha condición de "solo urbano", tal e como se atopan os terreos adxacentes e que permiten que se edifiquen de maneira individual as vivendas.