Para o PSOE pontevedrés os orzamentos da Xunta son "absolutamente decepcionantes"
Por Diego Espiño
As deputadas socilistas no Parlamento de Galicia, Patricia Vilán e Maria Pierres, acompañadas do concelleiro Agustín Fernández, analizaron este sábado en rolda de prensa os orzamentos presentados pola Xunta en 2018 en relación coa cidade de Pontevedra.
"Son absolutamente decepcionantes, non están destinados a pensar en incrementar o benestar dos cidadáns da cidade", defendeu Vilán.
Para o PSOE esta valoración débese que os proxectos que contan con partida orzamentaria "son todo obras comprometidas en exercicios anteriores ou mesmo en lexislaturas anteriores", aseguran.
Así, fixan en apenas 5,6 millóns o investimento autonómico na capital provincial, sen ter en conta os 8,5 millóns destinados ao demandado novo edificio xudicial da Parda.
Entre o que máis botan en falta atópanse con que "non hai ningunha cantidade orzada especificamente para o hospital provincial, tampouco a hai para a conexión con Vilagarcía e ningunha mellora en educación", sinalou Patricia Vilán.
Ademais os socialistas critican con dureza a lentitude en acometer o saneamento da ría, con obras como a ampliación da EDAR dos Praceres ou a construción dun novo emisario submarino. Para a depuradora consignáronse apenas 1.250.000 euros, "lonxe dos 15 millóns que prometera Feijóo", mentres que para o emisario destinarase en 2018 unha cantidade de 250.000 euros.
"O que realmente Pontevedra necesita non o ten por parte do goberno da Xunta", resolveron os responsables de PSdeG-PSOE.
Relacionadas:
-
Marea Pontevedra asegura que os orzamentos da Xunta "esquecen" moitas das demandas "históricas" da cidade
Por Oskar Viéitez |
-
A violencia de xénero ou a pobreza, asuntos esquecidos pola Xunta nos seus orzamentos segundo Cidadáns
Por Redacción |
-
O Concello, satisfeito de que a Xunta "levantase o veto" investidor en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O PP presenta os orzamentos afirmando que "Feijóo cumple lo que promete"
Por Redacción |