Marín calcula máis de 150 especies de árbores diferentes no municipio
Por Redacción
Unha nova especie de árbore súmase á variedade existente en Marín. Trátase do eucalipto arco iris (eucalyptus deglupta), exemplar doado polo enxeñeiro forestal Gaspar Bernández Villegas, que foi plantado nos últimos días.
Con ela, o Concello calcula que no municipio hai máis de 150 especies de árbores diferentes no municipio. Para poñelas en valor, elaborarán un catálogo no que se recollan as características e localización das árbores do concello.
O goberno destaca a existencia dunha interesante mostra de árbores de diferentes especies, tanto autóctonas como exóticas, cuxa diversidade e peculiaridades de beleza, antigüidade, historia ou rareza merece ser especialmente conservada e posta en valor desde os puntos de vista ecolóxico, educativo, social e mesmo turístico.
O catálogo de árbores será unha ferramenta de xestión que permita adoptar as medidas preventivas necesarias para conservar estes exemplares, mellorar o seu entorno cando isto sexa necesario e protexer a diversidade natural de árbores autóctonas.
Ademais deste obxectivo principal, existen outros coa mesma importancia como a divulgación, xa que o Concello entende que a difusión do coñecemento sobre os nosos recursos naturais é a mellor contribución a súa conservación e a revalorización turística.
Nunha segunda fase está previsto elaborar unha publicación áxil e sinxela. O catálogo será presentado nos centros educativos do concello e nas casas de cultura das distintas parroquias para que todos os veciños, pequenos e maiores, teñan a posibilidade de gozar aprendendo un pouco máis sobre as árbores que os rodean.
Os traballos de campo para o catálogo están realizados e analizáronse as árbores repartidas por parques, paseos, ríos e montes. Preto dunha ducia de exemplares van a ser propostos para o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, xa que as súas dimensións fan que sexan relevantes máis alá dos límites do termo municipal.