Ponte Caldelas coordinará con Cáritas a conta solidaria para os afectados polos incendios

Por Redacción
En tres meses, Ponte Caldelas repartirá as axudas que se recaden a través da conta solidaria que se acaba de abrir en colaboración con Cáritas. Así o estima o alcalde da vila, Andrés Díaz. Será, en todo caso, unha vez resoltas as solicitudes que se presenten diante da Xunta de Galicia e das compañías de seguros.
As axudas que se recaden nesta campaña solidaria teñen como obxectivo prioritario atender as situacións de necesidade que, polas razóns que sexan, non estean cubertas polas vías oficiais.
O número de conta é ES98 0238 8290 7107 0061 5659. Nos ingresos debe incluírse obrigatoriamente o concepto "Incendios".
Despois de estudar todas as opcións, o goberno local entende que a colaboración cunha ONG é a fórmula idónea para axilizar a xestión desta campaña solidaria e evitar a lenta burocracia que implicaría o cumprimento de toda a normativa sobre subvencións, procedemento administrativo e réxime local se a conta estivese aberta a nome do Concello.
Máis aínda, engaden, cando xa hai outras subvencións convocadas por outras administracións.
O reparto será realizado por unha comisión mixta Concello-Cáritas, unha vez valoradas as peticións cos informes previos dos servizos sociais municipais, a efectos de nivel de ingresos dos solicitantes, e da arquitecta municipal, a efectos de comprobación do valor dos danos producidos. Teranse en conta cuestións humanitarias, tendo moi presente o criterio de Cáritas.
A listaxe final será publicada para garantir a máxima transparencia, con indicación exhaustiva dos gastos realizados, pero respectando a identidade de todos os beneficiarios, cuxos nomes non se darán a coñecer.
Relacionadas:
-
O goberno de Ponte Caldelas alerta de que só 2 de 90 afectados polos incendios poderán cobrar axudas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas pide doazóns de forraxe para poder alimentar ao gando tras os incendios
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas, implicada ao máximo na axuda aos afectados polos incendios
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas consumiu 100.000 litros de auga para loitar contra os lumes
Por Redacción |
-
Desbordados de solidariedade: "Está a axudarnos toda a xente que nos coñece, e moita que nin nos coñece"
Por Natalia Puga |
-
2.900 hectáreas calcinadas en Ponte Caldelas, 1.500 en Caldas e 500 en Cotobade
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Ponte Caldelas trata de recuperar a normalidade tras os incendios do domingo
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas recadará cartos para os afectados polos incendios
Por Redacción |