Saen á luz todos os detalles da reforma da PO-308 desde o mirador da Granxa ata Nanín
Por Oskar Viéitez
A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, publica este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) o inicio do proceso de información pública do proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada PO-308, o seu paso polo Concello de Sanxenxo. Concretamente esta actuación desenvolverase entre o mirador da Granxa e Nanín.
O proxecto inclúe a modificación da intersección no acceso á praia de Areas, que conta actualmente cun carril central, transformándoo nunha glorieta, o que permitirá, ademais de aumentar a seguridade deste acceso, reordenar os xiros na estrada nalgunhas interseccións próximas e moderar a velocidade da circulación.
Por outra banda, a Axencia Galega de Infraestruturas, que será o ente encargado das obras, executará un reforzo da sinalización en varias curvas onde se teñen producido saídas de vía, instalando novos paneis direccionais, con leds nalgúns dos casos, e o balizamento, para facilitar a súa percepción. Tamén, instalaranse sistemas de contención e rehabilitación do firme na zona da "curva dos Cotos".
Conforme ao proxecto, prevese abordar a mellora de varias interseccións que presentan visibilidade reducida, con elementos de redución da velocidade, en especial de desaceleración para intentar reducir as colisións por alcance que se rexistran neste tramo da estrada, e carrís centrais de espera para permitir os xiros en condicións mais seguras.
Ampliarase a plataforma en dous puntos para colocar paradas de bus na marxe dereita da estrada, evitando que os autobuses interrompan a circulación ao realizar as paradas. Ademais, executarase unha pequena senda peonil no espazo ocupado pola gabia desde as paradas de bus ata o paso de peóns mais próximo.
Para mellorar a seguridade deste treito, impedirase o aparcadoiro xusto antes das interseccións, como mínimo nos cinco metros anteriores, para garantir que os vehículos aparcados non reduzan a visibilidade nas manobras de incorporación desde viais secundarios á PO-308, e tamén antes dos pasos de peóns coa mesma finalidade de mellorar a visibilidade.
Relacionadas:
-
As obras da PO-308, entre A Granxa e Sanxenxo, contemplan expropiacións a seis propietarios
Por Redacción |
-
Sanxenxo Independentes convoca unha reunión informativa sobre o proxecto da PO-308
Por Redacción |
-
As obras de seguridade viaria na PO-308 entre Covelo e Raxó serán realidade en 2018
Por Redacción |
-
O goberno local de Poio demanda un viario alternativo á PO-308
Por Oskar Viéitez |