Os socialistas denuncian o abandono do Parque de Cotorredondo por parte da Xunta
Por Redacción
A deputada socialista María Pierres denunciou o abandono do Parque de Cotorredondo, que une as localidades de Marín e Vilaboa, por parte da Xunta de Galicia. A responsable socialista presentou unha pregunta oral en comisión na que criticou o incumprimento do convenio para o mantemento do parque asinado coa comunidade de montes de Vilaboa.
Pierres acusou ao goberno galego de escudarse no carácter privado do espazo, para lembrar a continuación o compromiso acadado coa dita Comunidade de Montes que os obriga ata o ano 2031. Ademais, lamentou a decisión da Xunta de trasladar o Centro de Recuperación da Fauna Silvestre a Cotobade, "que utilizan como subterfuxio para retirarlle toda a axuda a un espazo hoxe abandonado".
A responsable socialista lembrou os "reiterados compromisos e convenios" asinados polo goberno galego cos concellos que integran este parque, así como con diferentes colectivos sociais, "o que non impediu o abandono do recurso", sinalou. O enclave natural, dixo, amosa hoxe cercados derrubados, maleza, camiños intransitables, instalacións pechadas e abandonadas, sinalización deficiente e viais intransitables.
Lamentou a situación do maior parque de esparexemento da provincia, historicamente un centro de encontro e de desfrute da natureza, deriva do "ínfimo mantemento e investimento realizados nos últimos anos". Ademais criticou o "agravio comparativo" coa marxe de Vilaboa do lago, por canto a parte de Marín recibiu uns novos asadoiros polos que a marxe de Vilaboa tivo que agardar ano e medio.
Por iso reclamoulle ao goberno galego que elabore un plan director que "analice as carencias actuais" do parque e dote de servizos e funcións ás edificacións e instalacións. Urxe a "planificar no tempo as actuacións de rehabilitación, construción, limpeza, recuperación medioambiental e mantemento precisas", dotando do orzamento preciso para o ano 2018 e seguintes.
Relacionadas:
-
O BNG pide no Parlamento un plan para salvar o parque forestal de Cotorredondo
Por Redacción |
-
A Deputación concederá unha axuda para crear o parque forestal Miradoiro de Cotorredondo
Por Redacción |
-
Os socialistas urxen a recuperación do parque de Cotorredondo
Por Redacción & Diego Torrado | Creada e actualizada