Os viños Rías Baixas conquistan Cidade de México
Por Redacción
México é o quinto mercado exterior máis importante para os viños de Rías Baixas. O pasado ano a denominación de orixe exportou ao país azteca un total de 250.897 litros de viño. Para reforzar este posicionamento e promocionar os seus caldos, o Consello Regulador organizou por terceiro ano consecutivo un showroom en Cidade de México.
Ata a capital mexicana desprazáronse o secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, e a responsable do departamento de Márketing, Eva Mínguez, para asistir a unha comida maridaxe no restaurante do Hotel Marbella e ao propio showroom.
En ambos os casos estiveron acompañados polo embaixador de España en México, Luís Fernández-Cid de las Alas Pumariño.
No Hotel Marbella, o catador Andrés Amor dirixiu unha cata de dous viños de Rías Baixas, tras a que se celebrou un xantar maridaxe que finalizou cunha charla sobre esta denominación e os seus viños, impartida por Ramón Huidobro.
A dicha comida asistiron membros da Unión Mexicana de Empresarios Galegos (UMEGAL) que tiveron a oportunidade de degustar diversos pratos maridados cos viños de Rías Baixas.
Ao día seguinte celebrouse o III Showroom de Rías Baixas no que participaron dezasete adegas con corenta e seis marcas. A cita co prescriptor mexicano tivo lugar no hotel W Mexico City nela reuníronse 300 prescriptores do sector, entre os que se atopaban catadores, enólogos ou xornalistas.
México é un mercado relevante para os viños de Rías Baixas que conta cun plan promocional propio. De feito, a acollida destes viños brancos está a ser moi boa. "Os visitantes encomiaron tanto a frescura como a calidade dos viños, e mostráronse especialmente interesados na súa capacidade de garda", explicou Eva Mínguez.
Relacionadas:
-
Os viños de Rías Baixas, máis internacionais que nunca
Por Redacción |
-
Os viños brancos de Rías Baixas aumentan a súa cota de mercado
Por Redacción |
-
O albariño ponse de moda en Polonia
Por Redacción |
-
Lisboa déixase seducir polas Rías Baixas
Por Redacción |
-
Tres de cada dez botellas de viño Rías Baixas véndense xa no estranxeiro
Por Redacción |