"Vimos ao pleno a ducharnos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Ninguén anunciara a súa presenza, pero unha ducia de veciños de Os Areás, en Mourente, convertéronse este xoves en coprotagonistas do pleno da corporación, xunto a un grupo de policías e gardas civís que acudiron para o debate dunha moción sobre os despregados en Cataluña. Eles enfundáronse gorros de ducha e toallas e levaban champú e xel na man, pois querían simbolizar que "vimos ao pleno a ducharnos porque non temos auga en casa e estamos a dous quilómetros e medio de Pontevedra".
Quen acudiu ao pleno residen nunha zona dos Areás na que si teñen auga, pero porque teñen pozos particulares. O Concello non lles garante a auga potable, xerando unha situación de indefensión e servizo deficiente, pois os pozos en ocasións secan, e máis durante as últimas semanas de seca.
A concelleira do PP María José Rodríguez Teso deulles voz e, no momento dos rogos e preguntas, expuxo a súa situación. Lembrou que se senten "abandonados" e "discriminados" polo Concello de Pontevedra, que unha vez máis os deixou fóra dos seus proxectos para a instalación dunha rede de abastecemento de auga potable, a pesar de anunciarlles que os seus problemas quedarían solucionados cun proxecto que supera os 84.000 euros. Ademais, bótanlle en cara que teñen pedidas reunións co goberno local e non son escoitados.
O concelleiro delegado da parroquia, Alberto Oubiña, respondeu a Rodríguez Teso que "non é certo que non recibira a estes veciños, foron recibidos" e que o proxecto para dotar ás súas vivendas de auga potable segue en pé, o que pasa é que non é posible realizalo nestes momentos. Levarase adiante cando se poña en marcha o novo contrato da auga, aproveitando as obras de instalación da rede de sumidoiros.
Os veciños non quedaron satisfeitos coa súa resposta. En nome dos afectados, Alexia Sánchez explicou que ela mesma entregou en febreiro unha petición de reunión e presentou no Concello firmas dos afectados. No seu momento, reuniuse con Alberto Oubiña, pero meses atrás e non volveu a facelo a pesar de que o volveu solicitar. Segundo explicou, o concelleiro mantivo unha reunión recente en Mourente, pero ningún dos veciños da zona máis afectada foi convocado a esa reunión, unhas 30-40 casas.
O pleno deste xoves aprobou tamén unha moción presentada por Marea Pontevedra para aproveitar a fin do contrato do servizo de axuda no fogar (SAF) para municipalizalo. Con reservas, pero recibiu o apoio de todos os grupos da oposición, PP, PSOE e Cidadáns. Tan só opúxose o BNG, pero o concelleiro César Mosquera explicou que si están de acordo en municipalizar servizos, pero neste caso non é posible.
O pleno deste mes de outubro tamén aprobou unha iniciativa da concelleira de Cidadáns, María Rey, para pedir ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a apertura das camas dos hospitais da área sanitaria de Ponteveda e O Salnés que pecharon durante o verán e seguían sen abrir a estas alturas do mes de outubro. Todos os partidos políticos con representación apoiaron de forma unánime a petición.