Unha muller resulta ferida na colisión entre unha moto e un turismo en Cambados
Por Redacción
A primeira hora da mañá, unha muller tivo que ser trasladada ao Hospital do Salnés polas feridas sufridas noutro accidente de tráfico. Neste caso, en Cambados, segundo informou o 112.
A vítima é unha muller de 46 anos que responde ás inciales M.O.C. e foi atendida no lugar con feridas leves e posteriormente trasladada nunha ambulancia asistencia ao Hospital do Salnés.
O sinistro produciuse sobre as 9.05 horas. Dous minutos despois, un particular alertaba sobre a colisión entre un turismo e unha moto na estrada PO-300 na rúa Vilariño. O 112 derivou ao lugar á Garda Civil de Tráfico, Urxencias Médicas de Galicia-061 e Proteción Civil de Cambados.
Ao longo da xornada producíronse diversos accidentes sen feridos ou con feridos de pouco alcance en Pontevedra. Un deles consistiu nun atropelo a un ciclista.
O sinistro rexistrouse arredor das 15.10 horas na rúa Celso Emilio Ferreiro e víronse implicados un ciclista e un turismo, aínda que finalmente ningún dos implicados requeriu asistencia sanitaria.
Unha muller pediu asistencia despois dunha colisión contra varios pivotes en Pasarón
Arredor das 11.10 horas, unha muller tamén solicitou asistencia sanitaria ao Centro de Atención de Emerxencias de Galicia-112 tras haber sufrio un accidente de tráfico na rúa Juan Bautista Andrade, no lateral do estadio de Pasarón.
Ao parecer, o turismo no que circulaba acompañada dun home desviouse da traxectoria e colisionou cuns pivotes situados ao bordo da calzada, causando danos materiais nestes.
A mediodía, arredor das 14.05 horas, a Garda Civil de Tráfico levantou atestado por outro accidente rexistrado en Pontevedra, pero, nesta ocasión, na autoestrada AP-9.
Segundo informou o 112, un vehículo saíuse da vía na autoestrada á altura da peaxe de Pontevedra, pero non houbo que lamentar danos persoais, unicamente materiais.