CC.OO acusa a Clece de "manipular" as súas traballadoras para "atacar" o Concello e sacar proveito
Por Redacción
O sindicato Comisións Obreiras apoia a decisión tomada polo Concello de Pontevedra para garantir o mantemento do servizo de axuda a domicilio, despois de que a empresa Clece comunicara de forma unilateral a súa renuncia á prórroga temporal do seu contrato.
Nun comunicado, CC.OO celebra que o goberno municipal non accedera á "chantaxe" de Clece. O sindicato denuncia que, a este respecto, a empresa intentou manipular ás traballadoras para que "atacaran" ao Concello "para así sacar unha nova prórroga economicamente vantaxosa para a sociedade".
A Federación de Construción e Servizos de Galicia apunta que esta estratexia empresarial xa intentou levar a cabo Clece no Concello de A Coruña e no de Pontedeume, onde ameazou con abandonar o servizo se non se satisfacían os seus intereses económicos.
"É unha pena que unha empresa que se dedica o sector de axuda a domicilio estea tan pouco sensibilizada co sector, sen importarlle que a súa estratexia empresarial poida deixar sen atención básica a centos de persoas dependentes", asegura Comisións Obreiras.
CC.OO celebra que o Concello de Pontevedra "fora quen de pararlle os pés a esta multinacional" e espera que a nova adxudicataria comece unha época de paz social e respecto á legalidade
Con respecto á subrogación do persoal, o sindicato denuncia que Clece está poñendo "todas as trabas posibles". O comité, a adxudicataria temporal e o Concello están facendo todas as xestións posibles para que ningún usuario se vexa afectado e o 100% da plantilla se subrogue sen problemas.
O comité de empresa anunciou que pasara o que pasara coas empresas implicadas no problema, as auxiliares de axuda a domicilio de Pontevedra atenderían de forma voluntaria a todos e cada un dos usuarios que tiñan asignados en cuadrante e así garantir a atención básica a os veciños.