Fiscalía pide 28 anos de prisión para dous mozos do Porriño que dispararon ao tío dun deles
Por Anxo Lourido & Redacción
Julio Caballero e Daniel Alén sentaron no banco de acusados no xuízo que se desenvolvía este martes na Audiencia de Pontevedra, acusados de disparar a José Pérez, veciño do Porriño e tío de Daniel, o 12 de maio de 2015.
Julio Caballero declarou ante a xuíza que, ante as ameazas que realizara a vítima contra eles con frecuencia, decidira con Daniel Alén entrar no galpón de José Pérez onde atoparon unha carabina que levaron con intención de escondela, segundo indicaron.
Para evitar os controis da Garda Civil, Daniel que conducía o vehículo e Julio evitaron as estradas principais e por un camiño asfaltado pasaron por diante da vivenda de José Pérez. Nese momento, Julio pediu a Daniel que parase o vehículo e baixou para, detrás dunhas xestas, disparar en dirección á vivenda do tío de Daniel. Nese momento, José Pérez abandonaba o domicilio e subía ao seu vehículo. O proxectil impactou contra o cristal rompéndoo e entrou e saíu polo parieto occipital esquerdo da vítima para finalmente incrustarse no cabezal do asento.
José Pérez confesou ante o tribunal que non chegou a decatarse do disparo pero a rotura do cristal asustoulle e saíu do vehículo en persecución do mozo que se daba á fuga tras utilizar a arma. Nese momento mareouse mentres o sangue comezaba a correrlle pola cara procedente da ferida na cabeza. Regresou ao domicilio e foi trasladado a un hospital.
Pola súa banda, os mozos escapábanse do lugar no vehículo e dirixíronse ata a casa da nai de Julio en Ponteareas onde gardaron a arma encima dun moble da cociña.
Cando a Garda Civil tomou declaración a José Pérez este, segundo os axentes, xa indicou que fora Julio Caballero a persoa que lle disparaba. Os axentes mantiveron que cando o mozo foi detido mostrábase arrepentido e acompañou os axentes ata a zona onde se realizou o disparo para que recollesen a vaina, ademais de trasladarse con eles á casa da nai onde entregou a escopeta.
No xuízo, Daniel Alén recoñeceu que o seu tío mantiña unha mala relación coa súa nai desde facía moitos anos, un dato que tamén confirmou a propia vítima, pero sostivo que el foi o primeiro sorprendido cando Julio baixou do coche para disparar contra José Pérez.
Tras a vista oral, a Fiscalía mantén a acusación contra os dous mozos como coautores dunha tentativa de asasinato, con 14 anos de prisión para cada un, mentres que o avogado de Julio Caballero manifestou que o seu cliente "non ten madeira de asasino" nin ánimo de matar. Por este motivo considera que é autor dun delito de lesións por imprudencia grave e detentación de arma, mentres que a avogada da defensa de Daniel Alén entende que o seu defendido é cómplice de leste mesmo delito.