Un vehículo cae ao río en Marcón e os ocupantes saen polo seu propio pé
Por Anxo Lourido
Debeu ser extraordinario o susto que se levou o home que estaba no seu terreo en Vilafranca, na parroquia pontevedresa de Marcón, cando arredor da unha da tarde, víu como o vehículo no que viaxaban dous mozos precipitábase ao regato que transcorre paralelo á estrada entre o Pino e Ponte Bora. Foi el quen chamou ao servizo de emerxencias do 112 para alertar do suceso.
Ata a zona desprazáronse dous camións dos Bombeiros, unha dotación de Protección civil de Pontevedra, a Policía local de Tráfico, unha unidade de atestados de Tráfico e unha ambulancia medicalizada. Existía o temor de que houbese que excarcerar a parella que viaxaba no turismo. Non obstante, non foi así. Os ocupantes saíron, asustados, do vehículo pero sen aparentes feridas graves.
Segundo os primeiros indicios, o vehículo saíuse da vía debido á humidade do pavimento e o condutor foi incapaz de evitar a caída ao río nunha zona na que se están a acometer obras para a construción dunha ponte.
O accidente provocou que numerosos veciños de Marcón se achegasen ata o lugar para ver a curiosa imaxe.