Lorenzo González do Comando Simón Bolívar: "Se gaña Capriles, moitísimos emigrantes regresariamos a Venezuela"
Por Anxo Lourido
Lorenzo González é un mozo que recoñece ter tido que emigrar de Venezuela durante o mandato do recentemente desaparecido Hugo Chávez. Agora reside en Ourense e é o coordinador de comunicción do Comando Simón Bolívar en Galicia. Agarda un cambio de goberno no seu país nas eleccións que se desenvolverán o próximo domingo, 14 de abril. A súa aposta é por Henrique Capriles, fronte a Nicolás Maduro, e así expúxollo aos mozos do Partido Popular durante unha charla da Escola de Formación de Nuevas Generaciones na sede local.
- Realmente, ese cambio político en Venezuela do que está a falar Capriles durante a campaña, é posible?
O cambio só sucedería se houbese unha derrota do réxime que está agora. Se Maduro gaña, habería continuísmo. A súa campaña céntrase na figura de Chávez, nos supostos logros de Chávez. Nos carteis aparece a foto de Chávez, non a de Maduro. Algo demasiado curioso. Hai posibilidades dun cambio e de que saia Capriles? si. As enquisas de organismos independentes e de órganos públicos dan un empate técnico, unha diferenza do 5% a favor do candidato oficialista, de Maduro. Hai moitas posibilidades, moita xente do chavismo está decepcionada porque Chavez tomou medidas que non estaban contempladas no seu programa electoral dende que gañou en outubro tomou medidas económicas como a depreciación que converteron en máis pobre a poboación venezolana.
- E Nicolás Maduro supoñería a continuidade do réxime establecido por Chávez?
Durante estes cen días que leva Maduro como presidente encargado nesa nova figura do Tribunal Superior de Xustiza para que puidese seguir alí, hai moita crise económica, moito paro. Hai medo no chavismo de que a xente non vaia votar. Quérese crear unha relixión do chavismo. E eles non fallarían ao seu deus pero como non están contentos co seu suposto sucesor nin sequera irían a votar. A oposición venezolana encontrou documentos que denunciou ante o órgano que regula a limpeza das eleccións. Hai ordes do goberno para que os militares e as súas milicias que defenden a Chávez mobilicen a todo o electorado chavista, se hai que transportalo se transporta, porque teñen medo de que poidan saír derrotados nas eleccións. Nas últimas eleccións de outubro a diferenza foi moi escasa e estamos a falar do seu líder indiscutible. Con todo o aparato do goberno traballando para Chávez. Gastouse diñeiro público en facer casas, regalar neveiras, lavadoras... e resolver situacións ante calquera problema de última hora e iso agora non pode ser porque non hai diñeiro, non hai divisas.
- Un cambio no goberno que supoñería?
O que sería un cambio notable sería unha estabilidade no goberno e, sobre todo, unha unión no goberno. E é que o noso candidato, Henrique Capriles, di "Venezuela somos todos" fronte a un goberno que fomentou a polarización e non é só que haxa dous bandos senón que se odian entre eles. E converteuse en normal que digan que "hai que atacar á oposición, que lle imos dar pola nai á oposición, que a oposición son uns oligarcas e uns vende patrias". E iso non fomenta a unidade.
Seguro que haberá un cambio no económico. O socialismo do século XXI de Chávez sumiu a Venezuela nunha miseria. As empresas estatais non funcionan. Empresas estatais que nacionalizou Chavez de sectores produtivos moi importantes, servizos que non funcionan. Hai un desavastecimiento da crise social de persoas que non teñen para comer. O soldo mínimo en Venezuela son 200 euros ao cambio. Para comer ben, segundo o Banco central de Venezuela, debes contar co que chaman a canastra básica que é o prezo dos catrocentos produtos que non deben faltar na alimentación dunha familia para subsistir. Vale 1.000 euros ao cambio. Entón, terías que estar a traballar cinco anos, acumular o teu soldo e non gastar en máis nada para poder comer ben un mes. Estamos a falar dunha familia media de 3 a 4 membros. Son cambios nas perspectivas económicas que este goberno e o que quere formar Maduro tampouco vai resolver porque pretende manter a continuidade. Este goberno, se gaña, vai ter que facer fronte a esta crise económica. Fálase doutra depreciación. Sería a quinta deste goberno.
"Bótase a culpa da violencia ao capitalismo e ás series de televisión estadounidenses e ás telenovelas"
- En relación coa seguridade, que debe mellorarse?
Venezuela é o segundo país máis inseguro do mundo por debaixo de Honduras. Dende que chegou Chávez, as taxas de homicidio teñen cuadriplicado. Non fixo nada pola inseguridade. Mesmo as fomentou con Chávez dirixíndose a toda a poboación dicíalle se a el lle faltase comida el tamén roubaría. Leva 14 anos gobernando e non fixo nada. Maduro dixo que ía facer algo contra a delincuencia, dando a entender que durante os 3 anos anteriores non se fixo nada. Bótase a culpa da violencia ao capitalismo e ás series de televisión estadounidenses e ás telenovelas. Eses son os culpables da delincuencia.
O cambio repercutirá en economía, seguridade e unidade. Se gaña Capriles, despois de 14 anos de goberno chavista, non será unha tarefa doada. O chavismo e as súas prácticas e a súa ideoloxía está impregnado en todos os ámbitos sociais, administrativos e económicos de Venezuela. E será unha ardua tarefa.
- Tras as últimas eleccións gañadas por Chávez rexistrouse un aumento no índice de emigrantes venezolanos, iso resolveríase con Capriles no goberno?
Dende que chegou Chávez ao goberno emigraron en torno a 400 mil venezolanos é a poboación de Vigo. Durante estes 14 anos. Eu son unha vítima de Chávez, eu emigrei pola inseguridade e tanto polas oportunidades de futuro que os mozos temos alá. tanto a nivel educativo, seguridade... A grande porcentaxe de vítimas da emigración somos mozos. En Galicia hai 20 mil venezolanos e todos emigraron á forza. E estamos a ver que hoxe a xente emigra para buscar un futuro mellor... Se hai posibilidades de que os venezolanos que estamos no estranxeiro volvamos? si, moitas. Por eso tiene tanto apoyo nuestro candidato aquí. En Galicia, nas últimas eleccións, Capriles levouse o 98% dos votos.
O mesmo Capriles estableceu un programa electoral para fomentar o retorno do venezolano. Para mellorar as condicións consulares, e facilitar a realización de documentación e crear unha oficina do retornado para que que queira retornar saiba como montar a súa propia empresa ou ben para traballar en empresas que necesiten man de obra preparada. E é que non emigra calquera persoa en Venezuela, a xente nova ou os que fixeron a universidade son os que emigran. Venezuela ten unha fuga de cerebros impresionante e queren volver alí para ser produtivos. E estamos a esperar que gañe Capriles para que poidamos regresar.
- E unha vitoria de Capriles non levaría consigo a emigración dos partidarios do chavismo?
Non creo, porque sería a mesma política que aplicaría Maduro ao contrario. As probabilidades de que é a base dura do chavismo emigre non son altas, porque a maioría non é xente preparada, non cualificada e non xeran os recursos suficientes para emigrar do país. A idea é que queden todos. Non queremos que marche ninguén porque todos son importantes para o desenvolvemento de Venezuela. O obxectivo é que non emigre ninguén. Por iso, nas últimas semanas, os nucleos chavistas ou que se dicían chavistas realizan actos de campaña a favor de Capriles poque creen que Maduro non é o relevo de Hugo Chávez.