O consumo avala un "extraordinario" mes de setembro para o turismo en Sanxenxo
Por Redacción
Extraordinario. Así foi, segundo destaca o goberno municipal de Sanxenxo, o mes de setembro no municipio desde o punto de vista turístico. Así o avalan, aseguran, os datos de consumo. En todos os parámetros superouse o mesmo mes do ano pasado.
Así, o volume de lixo xerado o mes pasado supera nun 70% o habitual nun mes fóra do verán. Normalmente, cada mes Sanxenxo xera entre 580 e 600 toneladas de lixo orgánico. En setembro deste ano xeráronse 1.093 toneladas fronte aos 997 que se xeraron no mesmo mes de 2016.
O lixo xerado en setembro, tamén supera a cifra de xuño que foi de 961 toneladas.
O consumo de auga en setembro foi de 248.906 metros cúbicos, lixeiramente superior ao ano pasado, que foi de 244.117, e superior ao consumo de xuño, que foi 211.482. O consumo de auga incrementouse, por tanto, a pesar da seca que sempre inflúe en que os usuarios fagan un consumo máis moderado.
En canto ás oficinas de turismo, a de Sanxenxo e a de Portonovo, as consultas ascenderon das 654 de 2016 a 701 deste ano. Entre os lugares de procedencia dos visitantes destacan, como adoita ser habitual, Castela e León e Madrid. O 60% aloxáronse en hoteis. O 57% visitaba Sanxenxo por primeira vez.
Os datos de aparcadoiro de Nauta no porto deportivo tamén superaron en setembro os de anos anteriores. En setembro do 2016, o parking emitiu 18.621 tickets, unha media de 621 diarios e cunha recadación total de 55.948 euros. O pasado setembro o parking emitiu 19.990 tickets, unha media de 666 diarios e cunha recadación de 57.815 euros.
En canto á ocupación, a impresión xeral que transmiten os hostaleiros é "moi positiva", segundo o Concello, especialmente os establecementos de tres e catro estrelas que son os que ofrecen máis servizos alternativos cando a climatoloxía non é tan boa.
Relacionadas:
-
A provincia de Pontevedra suma 1,2 millóns de visitantes no que vai de ano
Por Oskar Viéitez |
-
Os empresarios turísticos de Sanxenxo critican as "velocidades de vergoña" na internet
Por Oskar Viéitez |
-
O plan estratéxico de Turismo estará aprobado en decembro para potenciar o sector
Por Redacción |
-
O turismo deixa os mellores datos históricos no mes de agosto nas Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |
-
Agosto rexistra un récord de turistas en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |