Esforzo, inxenio e máis de 50 persoas para elaborar as alfombras florais do Viático
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Sacos con pétalos, peluxe de café, follas, fiuncho e unha formigoneira. Con esas ferramentas de traballo, máis de cincuenta persoas, entre elas, numerosos nenos confeccionaron durante toda a tarde e noite do sábado as alfombras florais do barrio máis mariñeiro de Pontevedra, A Moureira. Fronte á Basílica de Santa María foise estendendo un manto floreado cubrindo o perfil dos debuxos elaborados con xiz.
A elaboración das alfombras supón un arduo esforzo por parte dos veciños da zona, un esforzo que desaparece ao paso da procesión do Viático do domingo. A confraría do Gremio de Mareantes, acompañada por integrantes da Escola Naval de Marín, porta as varas do palio baixo o que avanza a Custodia cos sacerdotes que ofrecen a comuñón ás persoas enfermas do barrio.