O Grupo de Calidade Educativa de Sanxenxo centrará os seus obxectivos na seguridade viaria
Por Oskar Viéitez
Este mércores celebrouse no Pazo Emilia Pardo Bazán a primeira reunión do novo curso 2017-2018, do Grupo de Calidade Educativa, á que asistiron, os concelleiros de Educación, Paz Lago, e de Deportes, Suso Sueiro, técnicos das concellerías e representantes dos centros educativos e as diferentes Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (AMPAS).
Na reunión presentáronse as escolas municipais, integradas polas actividades deportivas, a escola de música, o centro de arte, a ludoteca itinerante e expuxéronse os contidos do programa para a redución do abandono escolar e a educación de adultos, o plan municipal de prevención de condutas adictivas e o programa de animación á lectura.
Tamén se analizou o programa de axuda aos centros escolares, a educación para a igualdade, a educación ambiental e o programa municipal de voluntariado.
O segundo punto da orde do día foi a educación viaria e a seguridade, repasando todo o que ata o momento á espera de que os centros escolares acheguen novas propostas.
Precisamente a educación viaria será o tema que abordará este curso este Grupo de Calidade Educativa, pero esta vez centrada nos pais, xa que é necesaria unha colaboración destes para que as medidas implantadas teñan a súa efectividade.