Especialistas das tres universidades galegas debaten en Pontevedra sobre a importancia de achegar a investigación á sociedade
Por Redacción
A Rede de Inmigración, Educación e Sociedade (RIES) reunirá o vindeiro xoves 19 de outubro a preto de 30 investigadores de sete grupos de investigación das tres universidades galegas nunhas xornadas que servirán para abordar os diferentes recursos e ferramentas que as persoas que se adican á investigación teñen á súa disposición para facer chegar os seus traballos á sociedade.
A profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Margarita Pino, coordinadora da actividade, indicou que estas xornadas de grupos de investigación da Rede RIES, Investigación e Divulgación Científica son de inscrición gratuíta e parten do uso de diferentes ferramentas para achegar á sociedade o labor investigador.
Este seminario, promovido por unha rede que centra o seu labor nos eidos da educación, a inmigración e a inclusión social o seu traballo, busca poñer sobre a mesa que unha das tarefas máis importantes dun investigador é a divulgación do coñecemento científico, dada a importancia deste para a vida das persoas.
"Que a sociedade e, neste caso, os profesionais da educación, coñezan os resultados das nosas investigacións redunda na calidade do sistema educativo e, polo tanto, na mellora do rendemento do alumnado", salienta Margarita Pino, que engade que a divulgación científica pode realizarse en calquera formato, como unha revista, un programa de televisión ou un sitio de internet.
Jorge Soto, profesor do mesmo centro e secretario do comité organizador, sinalou que inclúen no seu programa diferentes relatorios sobre o impacto social da investigación científica, a creación de perfís de investigadores, a súa comunicación en proxectos europeos ou as políticas para mellorar a calidade das publicacións.